Historia

Algúns historiadores sitúan a mítica cidade celta de Lambriga, tamén denominada Lámbriaca ou Lambriaca, no lugar de Lambre, parroquia de Ambroa. Esta cidade foi arrasada no ano 130 antes de Cristo por oporse ao pretor romano Decio Iunio Bruto e posteriormente reconstruída co nome de Flavia Lambris, en honor a Tito Flavio Vespasiano. Esta teoría apoiase unicamente na toponimia do lugar.

O territorio que abarca o municipio de Irixoa pertenceu dende a época medieval ao arciprestado de Pruzos, bispado de Santiago de Compostela. Nestes territorios, que se estendían dende o río Lambre ata o Mandeo, incluíndo tamén as parroquias de Paderne e Adragonte, exercían o seu poder os Condes de Lemos. Un xuíz, nomeado polo conde, ditaba xustiza dende o Pazo de Irixoa, hoxe capital municipal.

O nome de Pazo de Irixoa parece deberse a que nese núcleo residía a xustiza da xurisdición de Pruzos, aínda que non hai constancia de ningún elemento arquitectónico que apoie esta teoría.

As terras que comprende actualmente o termo municipal de Irixoa pertencían no Antigo Réxime á provincia de Betanzos, unha das sete do Antigo Reino de Galicia.

Irixoa pasa a formar parte da provincia da Coruña dende que o Decreto das Cortes de 27 de xaneiro de 1822 e o Real Decreto de 30 de novembro de 1833, dividen Galicia en catro provincias.

Os primeiro partidos xudiciais créanse en 1820. Dende entón Irixoa pertence ao de Betanzos.


O ESCUDO
De ouro (amarelo), e sobre ondas de azur (azul) e prata (branco), un monte de sinople (verde) cargado de sete estrelas de prata e acompañado de dúas cruces paté, ou ensanchadas, de gules (vermello). Ao timbre, coroa real pechada.

O monte chamado de San Antón, desde o que se contempla unha extraordinaria panorámica, e os ríos Zarzo e Lambre, que cruzan o termo municipal, tráense como motivos fundamentais ás armas deste Concello. Como complemento dispóñense sete estrelas, que aluden ás parroquias que hoxe conforman o Municipio, e dúas cruces paté, ou ensanchadas, no xefe que recordan, á súa vez, as igrexas parroquiais de San Antón (século XIV) e Churío (séculos IX-X).

A BANDEIRA

Sobre o pano amarelo, unha franxa vertical de verde, disposta no centro e acompañada de dúas cruces patés, ou ensanchadas, vermellas, unha á hasta e a outra ao batente.